Axuda
Todo o que necesitas saber antes de participar nun rastrexo.
Que é un rastrexo?
É unha carreira nocturna por equipos con probas variadas que se celebra nos montes galegos.
Os participantes organízanse normalmente en equipos de 6 a 12 persoas. Xuntos buscan o camiño, superan retos e intentan conseguir a mellor puntuación. O tempo empregado tamén pode terse en conta.
Preguntas frecuentes
Preme nunha pregunta para ver a resposta.
Como podo participar?
En cada evento publicado indicamos a información dispoñible sobre o proceso de inscrición.
O habitual é contactar coa organización cando se abre o prazo. Unha vez inscrito, recibirás dela os horarios, o material necesario e o resto das indicacións.
As prazas adoitan ser limitadas, polo que é recomendable inscribirse canto antes.
Poden participar menores de idade?
Depende das normas de cada organización. Habitualmente poden participar cunha autorización asinada por unha persoa adulta responsable.
Necesito experiencia previa?
Non. A maioría dos eventos están pensados para que poida participar todo o mundo. Pódese facer o percorrido camiñando e normalmente é posible non realizar algunha proba.
Se tes dúbidas, consulta coa organización a distancia, a dificultade e as condicións do terreo.
Que tipo de probas podemos esperar?
As probas cambian en cada rastrexo e poden incluír retos físicos, enigmas, xogos de habilidade e actividades de traballo en equipo.
Como sei cal é o camiño correcto?
Na maioría dos rastrexos hai frechas nas cruces que indican o camiño. As direccións incorrectas adoitan marcarse cun «X».
Os percorridos con compás son menos habituais. Se é necesario utilizalo, a organización explicará o funcionamento antes da saída.
Que debemos levar?
Como mínimo: lanternas, teléfono, roupa cómoda e calzado adecuado para camiñar ou correr polo monte.
Algúns eventos tamén poden requirir compás, papel, bolígrafo ou outro material. Revisa sempre as indicacións da organización.
Aínda tes dúbidas?
Contacta coa organización do evento ou escríbenos directamente.
Sobre Rastrexando
Rastrexando é unha plataforma para non perder ningún rastrexo nin andaina en Galicia.
A idea naceu en 2017 para facilitar a procura destes eventos e darlles visibilidade ás organizacións.
Rastrexando non organiza os eventos: recompílaos e publícaos.
© 2017–2026 Rastrexando